luns, 2 de febreiro de 2015

Pedro Bertoa, in memoriam


Recentemento falecido, recuperamos unha entrevista que lle fixemos a Pedro Betoa e á súa dona Generosa Mariño, con motivo da homenaxe dos socios da Asociación Hostalería Compostela aos propietarios do Hospedaxe Costa Azul. Xa non nos voltaremos cruzar con este pescador polo Sarela nin paseando ao sol polo parque das Galeras.



Pedro Bertoa e Generosa Mariño. Propietarios do Costa Azul.

Un flamenco galego en Montevideo 

Pedro Bertoa (Carballo, 1933) e Generosa Mariño (Carballo, 1942) viviron, a través da súa casa de hóspedes, a transformación do barrio das Galeras e de Vista Alegre durante os últimos corenta anos. Coñecéronse por medio dunha irmá de Generosa, en 1964, e catro anos máis tarde xa casaron. En 1977 mudáronse a Santiago, ao edificio que Bertoa acababa de facer nun solar da súa propiedade, onde comezaron cun establecemento de hospedaxe que chegou a ter máis de cincuenta camas e que hoxe non pasa das trinta. Este matrimonio asegura que hoxe a oferta ilegal de aloxamento está a facer imposible o negocio e demandan a intervención urxente das administracións.

O hospital de Galeras dáballe daquela moita vida a este barrio compostelán e tamén ao seu negocio de hospedaxe, que ademáis de familiares de persoas convalecentes e obreiros que traballaban pola zona, tamén acollía a moitos comerciais e viaxantes. Tamén tiveron a súa importancia os estudantes, durante o curso, aínda que no verán entraban os peregrinos e algúns turistas. E a cousa foi indo tan ben que en 1990 decidiron abrir un restaurante no baixo do seu edificio, onde Bertoa gardaba antes os cans da caza. Pedro estivo á fronte do negocio de restauración até que tivo que ser operado da gorxa. O Mercadito ocuparía despois este amplo local da rúa das Galeras.  

Mais a relación coa hostalería deste gran afeccionado á caza e á pesca, xa comeza moito antes. Con 17 anos deixa Galicia e viaxa a Uruguay, onde tiña familia emigrada. En Montevideo desenvolve a súa actividade, entre 1950 e 1964, traballando primeiro nunha empresa de que se adicaba a importación e exportación de muíños e de produtos e maquinaria agrícola, e despois levando un café e unha cervexería con terraza no "céntrico boulevard Artigas" da capital do Uruguay. Daquela Pedro Bertoa compaxinaba este traballo cunha das súas afeccións menos coñecidas, o cante flamenco.

Velaquí un dos segredos mellor gardados deste home falangueiro, quen a pesares da traqueotomía que lle fixeron hai uns anos, é quen de se comunicar aínda con extraordinaria eficacia. Do seu fardel da memoria extrae Bertoa, durante a conversa que mantemos na súa casa, un anaco dun vello xornal onde podemos ler unha información que dá boa conta do saber facer deste flamenco galego durante unha extraordinaria actuación no teatro Odeón de Montevideo, en 1964, pouco antes de voltar a España para adicarse ao que foi o seu oficio até a súa recente xubilación, a hostalería.  
 



Ningún comentario:

Publicar un comentario