luns, 15 de decembro de 2014

Yahya Zahid Sensoy, de Galicia a Madrid con Turkish Airlines

Yahya Zahid Sensoy acaba de ser nomeado general manager de Turkish Airlines en España. Tralo seu paso por Compostela para consolidar a aposta da compañía turca por Galicia na Lavacolla, Sensoy aterra agora en Madrid para levar a aeroliña a nivel nacional. E con tal motivo recuperamos esta conversa no Caney que publicamos na nosa revista. 

Na barra con Yahya Zahid, director xeral de Turkish Airlines en Galicia, no Restaurante Caney

Unha palabra para definir Santiago: Internacional.

Un lugar para comer: Don Quijote.

Un lugar para durmir: A Quinta da Auga.

O home que conecta Compostela con medio mundo
Hai máis dun ano que Turkish Airlines comezou a operar entre Istambul e Santiago, “un aniversario cuxa celebración decidimos cancelar por coincidir no tempo co tráxico accidente mineiro que houbo recentemente en Turquía”, confesa Yahya Zahid, o home forte desta compañía aérea en Galicia, mentres degustamos unhas deliciosas tapas no Restaurante Caney e falamos das múltiples vías de colaboración abertas co sector empresarial e coas administracións. “A idea inicial era operar dende Alvedro pero as condicións deste aeroporto facíano imposible e dende Lavacolla temos más facilidades e damos servizo a toda Galicia”, asegura Zahid.
Viaxes para xornalistas e axentes internacionais, nos que sempre colabora Hostelería Compostela, o patrocinio de eventos gastronómicos como o Santiago é Tapas, o apoio a CompH!ostelería, ou os acordos de colaboración co sector empresarial para facer destino. As portas de Turkish Airlines sempre están abertas para todo o que contribúa a dinamizar o sector turístico e a fomentar a actividade da aeroliña. O responsable de que isto sexa así é este mozo experto en aeronáutica e mercadotecnia, que logo dun tempo en Madrid veu a Compostela, canda a súa dona e a súa filla de dous anos, para botar a andar e consolidar as conexións con Lavacolla. “A vosa hospitalidade é única pero o clima podía ser algo mellor”, confesa.
Dende o pasado mes de outubro, en menos de seis meses, pasaron de tres conexións semanais a conectar diariamente Santiago con Estambul, facendo unha escala técnica en Bilbao, “a nova frecuencia diaria contribúe axilizar as conexións entre Lavacolla e o resto de destinos en todo el mundo que a compañía oferta dende o noso hub de Istambul”, comenta o director xeral da aeroliña en Galicia, que agora ademais opera con avións de 180 pasaxeiros, que van cheos, “respostando así ás necesidades dos viaxeiros do noroeste peninsular e abrindo novas oportunidades para a internacionalización do sector turístico”.
Grazas ao entusiasmo e ao intenso traballo, sempre en colaboración co sector público e privado, co convencemento pleno do potencial do noroeste peninsular como mercado emisor e da singularidade de Santiago e Galicia como destino turístico, Zahid e o seu equipo conseguiron en medio ano o que outros tardan un ou dous en conseguir na súa compañía, consolidar unha nova conexión diaria con Istambul. “Para poder promocionar Galicia como destino y promover nuevos productos turísticos en nuestra área de influencia era necesario consolidar lo antes posible la conexión diaria”, conclúe Zahid, quen destaca como este enlace tamén contribúe a dinamizar outros sectores da economía galega como o textil ou a pesca.
“O incremento de frecuencias na conexión fixo que algúns clientes nos escollan, por suposto, para conectar con Asia, África e Europa oriental, pero mesmo con destinos do continente americano”, asegura Zahid, consciente do enorme potencial dunha aeroliña “que conecta Galicia con 205 países de todo o mundo, a través do noso hub de Istambul, e por iso estamos promocionando Santiago en moitos destes países, como por exemplo en Xapón, onde están moi interesados no destino Santiago e Galicia”.

venres, 28 de novembro de 2014

Esta fin de semana remata o Santiago é Tapas

Hai 111 motivos para non quedar na casa esta fin de semana. Xa van case 20.000 tapas vendidas nesta edición do concurso de tapas máis importante de Galicia, que remata este domingo

A séptima edición do Santiago(é)Tapas entra nos seus últimos días e afronta a súa recta final até o vindeiro domingo 30 de novembro, cando remata o concurso de petiscos máis importante de Galicia. O alto nivel das 111 tapas que entraron na fase de competición fixo que os 69 establecementos participantes tiveran unha intensa actividade durante os últimos días, que previsiblemente vai aumentar aínda máis durante esta fin de semana. Os hostaleiros e os clientes están moi satisfeitos pola oportunidade de dar a coñecer os seus negocios e poder desfrutar de sorprendentes creacións durante ste gran evento de gastronomía en miniatura, que este domingo remata.  

Estamos ao voso dispor para a elaboración de directos ou reportaxes sobre o Santiago é Tapas, que este ano mellora con importantes premios directos para os consumidores, como viaxes a Istambul, lotes de produtos e outros agasallos.

martes, 25 de novembro de 2014

CompHostelería xa está na rúa

Deixámosvos eiquí unha foto da presentación esta mañá do número 167 da revista CompHostelería na Pilgrim House de Compostela. Na foto aparecen Nathaniel Walter, presidente da Asociación Terranova, que xestiona a Pilgrim House, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Agustín Hernández, alcalde de Santiago e Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo. Nos vindeiros días iremos avanzando contidos da revista a través do noso blog e das redes sociais.

luns, 24 de novembro de 2014

A tribuna de Orlando Fontán: A atención ao cliente

O espectacular crecemento e ordenación dos últimos anos dun sector altamente atomizado como o da hostalería, xerado en gran parte polo “boom” do departamento de cociña e da emerxente figura do cociñeiro mediático, serviu tamén para sacar a colación contido académico xa existente e xerar outro novo nos últimos 15-20 anos de forma continua, asentando de xeito claro e conciso os perfís profesionais do departamento de cociña e a súa adaptación a realidade e necesidades das empresas.

No departamento de Servicios-Sala “¿Atención ao cliente?” non se atopou aínda un camiño claro polo que tansitar nin se asentaron os contidos teórico-prácticos que permitan definir os perfís profesionais do futuro, debido en gran parte a unha mala concepción das función do departamento dende a súa orixe.

Nos últimos anos formouse un gran número de persoal básicamente orientado cara os procedementos: habilidades mecánicas, certa capacidade de organización e profesionais moi cualificados nalgunhas
disciplinas cun grao bastante elevado de dificultade teórica ou técnica (coctalería, cafés, viños), pero séguese descoidando o que para min é a pedra angular do departamento: “A ORIENTACIÓN AO CLIENTE” no seu máis amplo sentido. SATISFACIÓN DAS NECESIDADES E EXPECTATIVAS DOS CLIENTES E POLO CONSEGUINTE A SUA FIDELIZACIÓN

O departamento de servicios-sala, de feito, é un departamento de atención ao cliente como o de calquera empresa de servizos ou fabricante de productos, ca dificultade engadida de ser unha combinación das dúas.
O protocolo clásico de servizo e o persoal acartonado formado baixo disciplina castrense nas anacrónicas escolas de hostalería parece non interesarlle demasiado ás novas xeracións de empresarios de hostalería/hotelería, ao igual que aos novos perfís de clientes.
¿Qué é máis importante? Servir pola dereita a un cliente, realizar algún ridículo movemento na elaboración dun cóctel, dar unha lección sobre viños utilizando tecnicismos que os clientes descoñecen, adoptar un rictus de seriedade no servizo que dignifique a profesión ou realizar de forma correcta todo o procedemento de atención ao cliente entendendo éste como un compendio de habilidades mecánicas, técnicas, de organización, coordinación e control dos “tempos”, ademáis das imprescindibles labores de comunicación (verbal e non verbal) da imaxen e filosofía do establecemento, e por suposto a execución de técnicas de venta.
A estandarización da cociña é un feito evidente, a súa profesionalización tamén. A casi impecable formación académica dos cociñeiros e a amplísima oferta de información da que dispoñen sobre a súa profesión, ademáis da claridade nos procedementos de elaboración, incrementou de xeito notable a calidade da comida. A variedade dunha oferta de calidade empuxa aos clientes a tomar decisións de elección basadas noutros criterios distintos a os que teñen que ver de xeito exclusivo coa calidade, cantidade e estética da comida.
A xustificación dunha profesión debe estar relacionada coa dependencia que o empresario e os clientes teñan do persoal que a executa, non da imposición de perfís profesionais caducos dende as aulas das escolas, que son normalmente rexeitados polos novos empresarios e directivos do sector hostaleiro.

venres, 21 de novembro de 2014

Todos convidados a CompHostapearlle




Presentación Especial CompHostelería “Do Womex ao mes do cine e das tapas”

Martes, 25 ás 10:30 na Pilgrim House (rúa Nova 19)

Os protagonistas das seccións de CompHostelería, Na Barra con, Agustín Hernández, alcalde de Santiago e Na Mesa con, Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo van asistir á presentación da nosa publicación este martes, 25 de novembro, ás 10:30 na Pilgrim House, rúa Nova, 19.

Canda os protagonistas deste número van estar tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, como responsable do departamento da Xunta que colabora con Hostalería Compostela para a promoción do uso do galego do sector empresarial e hostaleiro, os responsables da Pilgrim House, e o director da publicación, Aser Álvarez, canda varios colaboradores neste número (vai a portada en anexo).

Facemos a presentación desta entrega especial da nosa publicación, titulada “Do Womex ao mes da cine e das tapas”, na Pilgrim House co obxectivo de apoiar este interesante proxecto, dar a coñecer este espazo e os diversos servizos que ofrecen neste lugar de encontro, aberto aos peregrinos de todo o mundo que chegan a Compostela, onde poden compartir as súas experiencias e desfrutar da hospitalidade ao final dos Camiños.

No acto de presentación, onde tamén van estar presentes destacados expertos no fenómeno das peregrinacións, tamén imos dar conta dunha boa nova moi importante para o futuro do fenómeno xacobeo en xeral e da cidade como meta final dos Camiños de Santiago.

Ao remate do acto entregaremos un exemplar da revista a todos os participantes. Agardamos por vós!!

mércores, 19 de novembro de 2014

Máis de 9 mil tapas vendidas no Santiago é Tapas e ti aínda sen tapasporte?


Satisfacción no sector ante a boa marcha do concurso

Son 69 locais participantes e 111 tapas a concurso nunha cita que se desenvolve ata o 30 de novembro

19 de novembro de 2014.- A sétima edición do Santiago(é)Tapas, que comezou o venres 14, está a funcionar a bo ritmo e a hostalaría da capital de Galicia amósase satisfeita en liñas xerais pola súa marcha.

Unha primeira avaliación eleva a máis de 9.000 as tapas servidas ata o momento nos 69 establecementos que toman parte neste concurso de tapas, con 111 creacións distintas a un prezo único de 2 euros.

Un ano máis, os clientes apañaron o seu tapasporte, a guía do concurso, e deciden que tapas son as súas favoritas votando nas urnas situadas nos distintos locais.

Tamén está a espertar expectación o Santiago(é)Noite, a oferta complementaria de hostalaría nocturna con creacións exclusivas a un prezo único de 3,5 euros para aqueles clientes que mostren o seu tapasporte.

A Denominación de Orixe Ribeiro presenta 6 viños de 6 adegas no Santiago é Tapas e os clientes poderán tomar o seu petisco cun deses Ribeiros a prezo conxunto especial de 4 euros. Os Ribeiros que toman parte desta promoción especial son: Pousadoiro (Fernández Rodríguez, S.C.), Casal de Armán branco (Casal de Armán, S.L.), Beade Primacía (A Portela, S.A.T.), Alberte (Bodegas Nairoa, S.L.), Valdepuga (Valdepuga, S.L.) e Terra do Castelo Treixadura (San Roque, S.C.G.). Ademais, haberá 25 entradas individuais de balde para o Concerto Enoacústico Solidario Pablo Carbonell & Ribeiro do 6 de decembro; serán para eles que acrediten ter consumido petiscos con Ribeiro de 20 establecementos, selando na sección correspondente do seu tapasporte.

Turkish Airlines premia a interacción, con 2 viaxes individuais de ida e volta a Turquía entre aqueles que se retraten petiscando xunto ao seu tapasporte e deixen constancia no twitter, co hashtag #turkishsantiagoetapas ou no facebook, publicando a foto na conta do concurso facebook.com/santiagoetapas . Un xurado determinará as 2 mellores fotografías.
Establecementos participantes

A (é)tapa Praza do Obradoiro conta con: 25 de julio, A Curtidoria, AC Palacio del Carmen, Central, Coruña, Cre-Cottê, Kunsthalle, Los Caracoles, O Celme do Caracol, Orfeón San Francisco Hotel Monumento, Rúa Villar, San Jaime e San Xoán.

A (é)tapa Praza de Cervantes reúne a: A Cocotte, Bicoca, Caldeirería 26, Cervantes, Garum, Hervor & Fervor, La Bodeguilla de San Roque, La Flor, Medusa, Milonga´s, O Piorno, O Tragaluz, Resas e Tafona.

Na (é)tapa Praza de Galicia pódese atopar a: Antollos, Bodegón de Xulio, Caney by Siro González, D’ Ancares, El Bocalino, La Catedral, Negreira ‘O Patata’, O Boteco, O París, Parrillada Argentina, Porta Faxeira, Reno e Venecia.

A (é)tapa Praza Roxa suma a: Adgelo, Albarella, Artesana, Castelao, Entre Pipos, La Bodeguilla de Santa Marta, La Cavita, La Industrial, Manso, O Ferro, Rincón de Gurpegui, Singulario, Tosta e Tostiña, Tryp Santiago e Vivacce.

Por último, na (é)tapa Camiño Francés están: A Casa da Viña, A Grella, A Moa, Casal do Cabildo, La Barrika, La Bodeguilla de San Lázaro, La Casa de la Marquesa, O Afiador, O Catro, Oca Puerta del Camino, Pedra Santa, Porta do Camiño, Quercus IP e Susos.


O certamen Santiago(é)Tapas está promovido e organizado pola Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca; o seu Patrocinador Institucional é Turismo de Santiago; o seu Patrocinador Especial é a Denominación de Orixe Ribeiro, con seis referencias: Pousadoiro (Fernández Rodríguez, S.C.), Casal de Armán branco (Casal de Armán, S.L.), Beade Primacía (A Portela, S.A.T.), Alberte (Bodegas Nairoa, S.L.), Valdepuga (Valdepuga, S.L.) e Terra do Castelo Treixadura (San Roque, S.C.G.).

Santiago(é)Tapas conta tamén como patrocinadores con Cash Record e Coca Cola; como colaboradores especiais, ás cervexas 1906 de Hijos de Rivera e Turkish Airlines; e como colaboradores, a Abanca, Mercado de Abascos e Santiago (é) Noite.

luns, 17 de novembro de 2014

Unha tapa en forma de revista?

Neste novo número de CompH!ostelería, que está agora a sair no prelo, recollemos o máis interesante do Womex e avanzamos os eventos deste mes de novembro en Compostela co VII Santiago é Tapas e Cineuropa. Abrimos este número cun texto estupendo de Manuel Gago que vos avanzamos o outro día no noso blog CompHostelería. 
E nas nosas seccións habituais de entrevistas conversamos Na Barra con Agustín Hernández, alcalde de Santiago, e Na Mesa con Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo. Tamén contamos neste número especial coas colaboracións de Inés Peleteiro, Nicolás Álvarez, Xosé Manuel Santos Solla, Orlando Fontán, Carmen Férnández, Mónica Novas e unha reportaxe sobre as actividades desenvolvidas no Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostalería Compostela. 
Todo iso e moito máis no número 167 da nosa publicación, coas seccións xa habituais de Historia da Hostalería, onde falamos do restaurante Puñal, Paseos por Compostela, cunha reportaxe sobre o parque Monte da Almáciga, A Escapada, cunha reportaxe sobre Estambul, ou a sección Os Camiños de Santiago, que desta vez se centra no Camiño Portugués. Benvidos a CompHostelería!!.

venres, 14 de novembro de 2014

Cultura de tapas? Un petisco de callos por Manuel Gago

Cultura de tapas
Por Manuel Gago

Gústame esta cidade os xoves do inverno; parece que se inventa unha festa, coma os universitarios ocorrentes fan os martes cando saen de cañas. Os xoves os bares están máis cheos a media mañá e numerosas pizarras saen á rúa anunciando que é un día especial. Por aquí e acolá aparece esa frase digna da máxima admiración: HAI CALLOS. A armada de funcionarios e xubilados convírtense en insaciables críticos gastronómicos e discuten en que bar está a perola máis substanciosa e por que.

Non direi desta vez onde están os meus mellores callos compostelanos, pero podo asegurar que só os catei unha vez. Saían agachados da cociña e dábanse a ese incómodo concepto que son os “mellores clientes”. Só fun “mellor cliente” nunha ocasión pero podo certificar que estaban absolutamente de vicio e como a mi me gustan: melosos, cun punto picante medio, cos garavanzos ben cocidos, case manteca na boca.

Un dos aspectos que máis me gustan do servizo tradicional das tapas en Compostela é a súa capacidade para marcar os días a base de sabores. Cunha regularidade celebrada, moitos locais da cidade van servindo tapas de acordo co día; por suposto aquelas tapas servidas máis preto da fin de semana son máis sabrosas que as outras. Gustábame tamén os parroquianos que sabían comparar os mellores potaxes, os mellores arroces, por suposto os callos ou a tortilla, e facían a súa escolla selectiva de bar a partir da destreza da cociñeira en cada unha das tapas concretas.

Para min unha cidade non é o mesmo se os bares non ofrecen un pouquiño de arte culinaria coa caña ou o café. Aquelas cidades nas que non existe este costume de tapear, o camiño polos bares paréceme triste e excesivamente etílico. Incluso en Euskadi, que soubo vender o tema das tapas como ninguén, pagar tres euros por pincho paréceme un pouco excesivo, porque con iso non sempre ofrecen moito mellor produto do que se pode ver en Galicia simplemente coa consumición. As cidades sen tapa son como eses veciños que non saúdan cando entras no ascensor con eles. Non te caen nin ben nin mal.

A tapa é a esencia da cultura gastronómica, porque convirte cada bar nun pequeno refuxio culinario que ten que dominar a técnica da satisfación do cliente en dous ou tres petiscos, mesmo animándoo a pedir outra consumición na espera de algo máis. Unha cidade ten cultura gastronómica cando case calquera local está en condicións de sorprenderte con estas pequenas artesanías culinarias.

Disque a tapa é un asunto mediterráneo: xa se sabe, andar de local en local, cear informalmente, aproveitar a luz e o sol. Non o teño eu tan claro. Como tantos pratos saborosos, a tapa naceu máis ben dos pobres e da cociña barata e substanciosa. Alimentación low cost. Hoxe os tempos cambiaron e a tapa vai con eles; sigue tendo ese aspecto informal, rápido, que non vai molestar a conversa pero sen a que a conversa non pode fluír do mesmo xeito. A tapa é unha celebración do descanso e da amizade; por iso non está nada mal que, no mes no que decaen os turistas, os composteláns nos entreguemos con devoción a esta tradición.


mércores, 12 de novembro de 2014

Este venres comeza o VII Santiago(é)Tapas


A presentación pública reuniu autoridades, patrocinadores e sector profesional

Son 69 locais participantes e 111 tapas a concurso nunha cita que se vai desenvolver do 14 ao 30 de novembro

12 de novembro de 2014.- O acto de presentación da sétima edición do Santiago(é)Tapas debullou os datos deste concurso que reunirá a 69 locais e 111 tapas a concurso entre o venres 14 e o domingo 30 de novembro e aspira a dinamizar a hostalaría compostelá e manter o seu nivel de excelencia.

No Hostal dous Reis Católicos, tomaron a palabra Agustín Hernández, alcalde de Santiago de Compostela; Jesús Sordo, presidente de Restauración da Asociación Hostelería Compostela; Felicísimo Pereira, vicepresidente do CRDO Ribeiro; Ángel Otero, xerente de Cash Record; Musa Ozcan, responsable de marketing de Turkish Airlines; Guillermo Fernández, delegado de Hijos de Rivera en Santiago; e María Troncoso, xefa de relacións externas de Coca Cola Iberian Partners en Galicia. Tamén estiveron presentes profesionais do sector e representantes de entidades colaboradoras do concurso.

Dende o 14 ao 30 de novembro os clientes decidirán que tapas son as súas favoritas votando nas urnas situadas nos distintos establecementos participantes e poderán aspirar a distintos premios selando o seu tapasporte, a guía do concurso.

As tapas terán un prezo común de 2 euros e haberá algunhas especialmente preparadas para que os 
celíacos tamén poidan gozar delas. Os que se atopen de paso pola capital de Galicia teñen a opción do Tapasporte Express a versión intensiva e reducida do tapasporte.

Premios do Santiago(é)Tapas 2014

O xurado do Santiago(é)Tapas determinará a gañadora do premio á Mellor Tapa; os dous premiados na categoría de Tapa Tradicional; os dous premiados en Tapa Creativa; e o premio especial á tapa que mellor maride coas cervexas 1906 de Estrela Galicia.

Pola súa banda, o público determinará os dous premiados na categoría de Tapa do Público; o premio (É)xcelente 2014 ao mellor servizo e experiencia global; e o premio á "Tapa con máis chispa", creación máis simpática e orixinal, promovido por Coca Cola Iberian Partners.

A contía dos premios discorre entre os 1.000 e os 300 euros en metálico e conta con outros atractivos como lotes de produtos ou un curso de inglés orientado á hostalaría.



Promocións especiais no Santiago(é)Tapas

A Denominación de Orixe Ribeiro presenta 6 viños de 6 adegas no Santiago é Tapas e os clientes poderán tomar o seu petisco cun deses Ribeiros a prezo conxunto especial de 4 euros. Os Ribeiros que toman parte desta promoción especial son: Pousadoiro (Fernández Rodríguez, S.C.), Casal de Armán branco (Casal de Armán, S.L.), Beade Primacía (A Portela, S.A.T.), Alberte (Bodegas Nairoa, S.L.), Valdepuga (Valdepuga, S.L.) e Terra do Castelo Treixadura (San Roque, S.C.G.). Ademais, haberá 25 entradas individuais de balde para o Concerto Enoacústico Solidario Pablo Carbonell & Ribeiro do 6 de decembro; serán para eles que acrediten ter consumido petiscos con Ribeiro de 20 establecementos, selando na sección correspondente do seu tapasporte.

Nas redes sociais twitter@santiagoetapasfacebook.com/santiagoetapas os petiscadores no Santiago(é)Tapas poden entrar en promocións especiais. Así, xa poden apuntarse no sorteo de prazas para entrar no xurado que determinará os premios das distintas categorías.

Durante a celebración do concurso, Turkish Airlines premiará a interacción, con 2 viaxes individuais de ida e volta a Turquía entre aqueles que se retraten petiscando xunto ao seu tapasporte e deixen constancia no twitter, co hashtag #turkishsantiagoetapas ou no facebook, publicando a foto na conta do concurso facebook.com/santiagoetapas . Un xurado determinará as 2 mellores fotografías.


Establecementos participantes

A (é)tapa Praza do Obradoiro conta con: 25 de julio, A Curtidoria, AC Palacio del Carmen, Central, Coruña, Cre-Cottê, Kunsthalle, Los Caracoles, O Celme do Caracol, Orfeón San Francisco Hotel Monumento, Rúa Villar, San Jaime e San Xoán.

A (é)tapa Praza de Cervantes reúne a: A Cocotte, Bicoca, Caldeirería 26, Cervantes, Garum, Hervor & Fervor, La Bodeguilla de San Roque, La Flor, Medusa, Milonga´s, O Piorno, O Tragaluz, Resas e Tafona.

Na (é)tapa Praza de Galicia pódese atopar a: Antollos, Bodegón de Xulio, Caney by Siro González, D’ Ancares, El Bocalino, La Catedral, Negreira ‘O Patata’, O Boteco, O París, Parrillada Argentina, Porta Faxeira, Reno e Venecia.

A (é)tapa Praza Roxa suma a: Adgelo, Albarella, Artesana, Castelao, Entre Pipos, La Bodeguilla de Santa Marta, La Cavita, La Industrial, Manso, O Ferro, Rincón de Gurpegui, Singulario, Tosta e Tostiña, Tryp Santiago e Vivacce.

Por último, na (é)tapa Camiño Francés están: A Casa da Viña, A Grella, A Moa, Casal do Cabildo, La Barrika, La Bodeguilla de San Lázaro, La Casa de la Marquesa, O Afiador, O Catro, Oca Puerta del Camino, Pedra Santa, Porta do Camiño, Quercus IP e Susos.





Santiago(é)Noite, o complemento nocturno del Santiago(é)Tapas


Son 12 os locais que participan no Santiago(é)Noite, a oferta da hostalaría nocturna compostelá, tanto da zona nova como vella, que ofrecerá creacións exclusivos a un prezo único de 3,5 euros a aqueles clientes que amosen o seu tapasporte.

O Santiago(é)Noite 2014 confórmano: Atlántico, Bicoca, Bolengo, El 10, Caldeirería 26, Fórum, La Flor, Medusa, O Boneco, SCQ Bar, Sónar e Zum Zum – La Cava de Saint James.



Santiago(é)Tapas, una cita consolidada entre los concursos gastronómicos

Santiago(é)Tapas é unha referencia a nivel estatal e galega nas citas deste tipo, por traxectoria, modelo e prestixio dende o 2008. Este será o seu sétimo concurso, no conxunto dos seis anteriores vendéronse máis de 170.000 creacións e a organización aspira a que neste 2014 se alcance a cifra global de 200.000 petiscos servidos.

Será unha nova ocasión para percorrer distintas (é)tapas pola cidade, tanto na súa zona nova como vella, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura na que sempre se descobren novos sabores e ambientes.


O certamen Santiago(é)Tapas está promovido e organizado pola Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca; o seu Patrocinador Institucional é Turismo de Santiago; o seu Patrocinador Especial é a Denominación de Orixe Ribeiro, con seis referencias: Pousadoiro (Fernández Rodríguez, S.C.), Casal de Armán branco (Casal de Armán, S.L.), Beade Primacía (A Portela, S.A.T.), Alberte (Bodegas Nairoa, S.L.), Valdepuga (Valdepuga, S.L.) e Terra do Castelo Treixadura (San Roque, S.C.G.).

Santiago(é)Tapas conta tamén como patrocinadores con Cash Record e Coca Cola; como colaboradores especiais, ás cervexas 1906 de Hijos de Rivera e Turkish Airlines; e como colaboradores, a Abanca, Mercado de Abascos e Santiago (é) Noite.

luns, 10 de novembro de 2014

Santiago é Tapas de cine. Tapasportes ao poder!

Benqueridos CompH!ostapeantes.

Estamos a preparar un novo número da revista CompH!ostelería onde imos dar boa conta da VII edición do Santiago é Tapas. Polo dagora xa podes ir fedellando na nosa web para flipar coas tapas que fan van facer deste concurso o mellor evento de cociña en miniatura de Galicia e un dos máis importantes de España.

E non esquezas que xa está aquí unha nova edición de Cineuropa, que nos trae até Compostela o mellor cine internacional neste mes de novembro, o mes das tapas e do cine neste outono feito e pensado para CompH!ostelanear sen parar...

mércores, 5 de novembro de 2014

Xa chegou o Santiago(é)Tapas


UN TOTAL DE 69 ESTABLECEMENTOS E 111 PETISCOS VAN PARTICIPAR NA VII EDICIÓN DE SANTIAGO(é)TAPAS


O certame desenvolverase do 14 ao 30 de novembro e nel participaran máis de 65 establecementos

5 de novembro de 2014.- Son 69 os locais que presentarán un total de 111 petiscos a concurso no Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas da capital de Galicia que se celebrará entre o venres 14 e o domingo 30 de novembro.

Deses 69 establecementos, 14 locais son novos, o que amosa o interese que esperta a cita entre o sector da capital de Galicia.

Dende o 14 ao 30 de novembro os clientes poderán decidir que tapas son as súas favoritas votando nas urnas situadas nos distintos establecementos participantes e aspirar a distintos premios selando o seu tapasporte, a pequena e carismática "biblia" do concurso. Os petiscos terán un prezo común de 2 euros.

Ademais, a través da interacción nas redes sociais twitter@santiagoetapasfacebook.com/santiagoetapas, os internautas poderán entrar en promocións especiais, como seren parte do xurado.

Establecementos participantes

A (é)tapa Praza do Obradoiro conta con: 25 de julio, A Curtidoria, AC Palacio del Carmen, Central, Coruña, Cre-Cottê, Kunsthalle, Los Caracoles, O Celme do Caracol, Orfeón San Francisco Hotel Monumento, Rúa Villar, San Jaime  e San Xoán.

A (é)tapa Praza de Cervantes reúne a: A Cocotte, Bicoca, Caldeirería 26, Cervantes, Garum, Hervor & Fervor, La Bodeguilla de San Roque, La Flor, Medusa, Milonga´s, O Piorno, O Tragaluz, Resas e Tafona.

Na (é)tapa Praza de Galicia pódese atopar a: Antollos, Bodegón de Xulio, Caney by Siro González, D’ Ancares, El Bocalino,  La Catedral, Negreira ‘O Patata’, O Boteco, O París, Parrillada Argentina, Porta Faxeira, Reno e Venecia.

A (é)tapa Praza Roxa suma a: Adgelo, Albarella, Artesana, Castelao, Entre Pipos, La Bodeguilla de Santa Marta, La Cavita, La Industrial, Manso, O Ferro, Rincón de Gurpegui, Singulario, Tosta e Tostiña, Tryp Santiago e Vivacce.

Por último, na (é)tapa Camiño Francés están: A Casa da Viña, A Grella, A Moa, Casal do Cabildo, La Barrika, La Bodeguilla de San Lázaro, La Casa de la Marquesa, O Afiador, O Catro, Oca Puerta del Camino, Pedra Santa, Porta do Camiño, Quercus IP e Susos.



Santiago(é)Tapas, unha cita consolidada entre os concursos gastronómicos

Santiago(é)Tapas é unha referencia a nivel estatal e galega nas citas deste tipo, por traxectoria, modelo e prestixio dende o 2008. Este será o seu sétimo concurso, no conxunto dos seis anteriores vendéronse máis de 170.000 creacións; de feito, a organización aspira a que neste 2014 se alcance a cifra global de 200.000 petiscos servidos.

Na edición do 2013 servíronse 37.000 tapas nos 66 establecementos hostaleiros que ofreceron 109 creacións. Ademais, 10 locais de hostalaría nocturna ofreceron combinados especiais dentro da oferta complementaria denominada Santiago(é)Noite.

Coa finalidade de que os visitantes e turistas que se atopen na cidade nas datas do Concurso tamén gocen del estará tamén dispoñible o Tapasporte Express, que é unha versión reducida e intensiva do Tapasporte.

Será unha nova ocasión para percorrer distintas (é)tapas pola cidade, tanto na súa zona nova como vella, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura na que sempre se descobren novos sabores e ambientes.

xoves, 30 de outubro de 2014

NoraWomex

Máis aló do efecto positivo que este evento tivo en termos de negocio para todo o sector, os empresarios e profesionais dos hoteis de Santiago agradecen o esforzo dos organizadores para traer este evento a Compostela e contribuir así á proxección internacional de Compostela e de Galicia. O Womex supuxo un incremento medio na ocupación hoteleira de entre o 20% e o 40%, entre o 21 e o 25 de outubro, dependendo da ubicación e da categoría dos establecementos de hospedaxe. 

 Para os empresarios do sector hoteleiro este evento demostra que hai que ser ambiciosos e que dende o consenso e sumando esforzos dos actores públicos e privados se poden facer grandes eventos en Santiago.  Despois de catro días de intensa actividade, nos que Compostela se converteu nun fervedoiro cultural e musical, o WOMEX 14 chegou á súa fin converténdose na edición máis concorrida do últimos cinco anos. 

É tempo de facer balance. Foi un éxito total de organización e un acerto para a política de promoción da cidade e de Galicia, a pesar dalgúns pequenos problemas de coordinación, que nos deben facer pensar na necesidade de mellorar a comunicación entre os actores públicos e privados para vindeiros eventos. Piranha, a empresa matriz de WOMEX, fixo públicos os datos oficiais desta edición, que demostra con cifras o seu éxito: 2.400 delegados/as (+6,66% que a anterior edición) e 1.470 empresas (+16,66%) de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e unhamarca de 280 casetas (+12%). Pero máis aló das cifras está o alto grao de satisfacción de todos os participantes neste evento. 

O WOMEX 14 foi o máis importante evento cultural celebrado en Galicia dos últimos anos e temos que valorado como unha gran oportunidade para a música galega e as industrias culturais e tamén para a proxección internacional da nosa cultura e o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.Ademáis a acollida e o alto nivel de profesionalidade do sector turístico fixeron que o nivel de satisfacción dos participantes neste evento fose tan elevado que mesmo os responsables destafeira de músicas do mundo quixeron agradecer á cidade en xeral a extraordinaria acollida que lles brindou. 

Tivemos ocasión de intercambiar impresións con organizadores, produtores, programadores e músicos e a conclusión a mesa: Santiago é hospitalidade. Os empresarios e profesionais dos hoteis tamén queren felicitar a Nordesía Produccións, organizadora local doevento, á Consellería de Cultura e ao Concello de Santiago, pois aínda que houbo moitas dificultades para sacar adiante este evento, ao final o resultado foi extraordinariamente positivo e veu a desmostrar que podemos e debemos ser ambiciosos e crer nas posibilidades de Compostela e de Galicia, para acoller grandes eventos como o Womex 2014, que mesmo foi quen de poñer en valor a verdadeira esencia da Cidade da Cultura.

Non é casual que o WOMEX 14 celebrado en Compostela, fose a edición con máis asistencia de delegados do últimos cinco anos (creceu un 6,6% con respecto ao ano anterior), cumpríndose así os obxectivos estratéxicos que se marcaron desde a organización. Santiago é unha marca coñecida e recoñecida no mundo. Confirmouse o WOMEX como unha ferramenta de transformación, tanto para a cidade como para o sector musical galego, e a forza de Compostela como un escenario e punto de encontro internacional e a posibilidade de transformar o enorme custo da Cidade da Cultura nunha grande oportunidade para o país. 

O único aspecto negativo que volveu a quedar en evidencia trala extraordinaria experiencia do Womex 14 foi a dificultade para facer chegar a Galicia aos participantes, que con orixe en países de todo o mundo, tiveron grandes problemas para conectar con Compostela pola ausencia dun sistema aeroportuario que favoreza a chegada de turismo estranxeiro e que centralice en Lavacolla as conexións internacionais. En calquera, caso, o fundamental é felicitar aos organizadores e poñer ao seu dispor unha das prantas hotelerias máis modernas e competitivas de España e Europa, para que Compostela e Galicia se consoliden na celebración deste tipo de eventos internacionais de máximo nivel. 

Graciñas a todos os que fixeron posible o Womex 14 Santiago de Compostela. Sigamos a soñar e a traballar xuntos por unha cidade mellor.

luns, 27 de outubro de 2014

Do Womex ao Santiago(é)Tapas

Aínda co bo sabor de boca do Womex nos beizos, entramos na antesala do Santiago(é)Tapas. Queremos felicitar, antes de nada, aos organizadores deste evento profesional que converteu a Compostela durante a semana pasada nunha babelia multicultural de primeira orde e que xerou un enorme retorno para a cidade, favorecendo ademais a proxección exterior de Galicia no mundo e o noso orgullo como capital dun país cheo de enormes potencialidades.  Bravo polo traballo ben feito, humildemente e con constacia, a pesar das moitas dificultades que tiveron que enfrontar os que fixeron posible que o Womex celebrara en Compostela o seu XX aniversario. As rúas de Compostela están feitas para escoitar falar catro ou cinco idiomas diferentes cada dez pasos. Noraboa aos que fixeron posible este miragre e parabéns á cidade pola súa hospitalidade. 
Esta semana comezamos coa selección das mellores tapas que aspiran a participar nunha nova edición do Santiago(é)Tapas, o mellor concurso de cociña en miniatura de Galicia. Pasen e degusten e imos xa a polas 200.000 tapas vendidas dende que este concurso botaba a andar...

martes, 21 de outubro de 2014

Todos os Camiños levan ao Womex

Unha das edicións máis concurridas e interesantes do Womex comeza mañá con máis de 300 artistas procedentes de 40 países. Entre o xoves e o sábado, Compostela vai acoller 45 concertos abertos ao público. Podes consultar aquí toda a programación. Como podes ver, a mestura é tan variada e extensa que só un experto en World Music podería orientarse. Ante a duda, sempre nos quedará a praza da Quintana, e máis con este tempo tan bo. 
O prato forte de cada día vai ser nesta mítica praza compostela, entre las 21.30 e as 1.30 horas, con pequenos concertos de 45 minutos. A entrada para cada noite custa 20 euros (anticipada). Pero tamén haberá actuacións paralelas no Principal, Salón Teatro e sesións de DJ's e World Music na Sala Capitol. Hai un bono conxunto para os tres días a 55 euros. 
O xoves podes dar a volta ao mundo sen sair da Quintana, cunha reviravolta musical de  España a Cuba, pasando por medio mundo. O xoves abre o escenario Raúl Rodríguez, o fillo de Martirio, un fenómeno que xa comeza a voar só, e pecha a noito o son cubano, despois de ter pasado, entre outras latitudes, por Rusia Mayito Rivera & The Sons of Cuba. 
O venres posiblemente o máis interesante da noite sexa a banda xitana do momento, Dzambo Agusevi Orchestra, xunto con Baloji, un experto en fusionar  música contemporánea e o hip-hop cos sons tribais das súas raíces congoleñas.
O sábado chega a noite máis arraiana da man da Orkesta Mendoza, coa potencia mestiza da fronteira entre México e os USA e unha israelí de orixe etíope, chamada Ester Rada.quen mestura ethio-jazz, funk, soul e blues e que vai facer vibrar os alicerces da cidade vella. 
E lembra que aínda quedan o Offwomex, Atlantic Conections e moita máis programación que podes consultar aquí.

venres, 17 de outubro de 2014

Primeira entrega da videoteca peregrina dos Camiños de Santiago

Nesta primeira entrega da viodeoteca peregrina de CompHostelería deixámosvos aquí un pequeno avance do filme francés Compostelle e dunha reportaxe sobre a importancia do Camiño de Santiago na vida de Paulo Coello.


Compostela is a world of music from 22 to 26 october

Welcome to Santiago. For the second time in its European travel itinerary, the international music networking meeting Womex will be welcomed to a Spanish city. The journey's end for millions of devout pilgrims via the "Way of St. James" since the 9th century, the legendary city of Santiago de Compostela will also be WOMEX's destination from Wednesday, 22 to Sunday, 26 October 2014.

Declared a Unesco World Heritage city for the extraordinary and well-preserved architecture of its beautiful old town, Santiago de Compostela has been an important meeting place of faith, thinking and cultural exchange since the Middle Ages, reflected also by its prestigious university founded in the 15th century. Situated in the western extreme of Southern Europe, Santiago de Compostela is the capital of Galicia, renowned for its lush green hills and wild coastline lapped by the Atlantic Ocean; its ancient traditions; its widely-spoken native language, Galician; its extraordinary cuisine - and, of course, its music. Artists from Galicia who have showcased their talent at Womex in the past few years include Berrogüetto Mercedes Péon, Cristina Pato, Mutenrohi, Narf, Xosé Manuel Budiño and Marful.

xoves, 16 de outubro de 2014

Posiblemente a cidade máis hospitalaria do mundo...

Santiago de Compostela posiblemente sexa unha das cidades máis hospitalarias do mundo. E non é que o digamos nós, que estamos tan afeitos a andar polas rúas deste finisterre europeo, que ademáis é Patrimonio da Humanidade e a meta dos Camiños de Santiago, que ás veces non somos quen nin de observar con atención o que nos rodea. 

A Catedral e os edificios máis senlleiros, os veciños e as veciñas, as tabernas, os peregrinos de todo o mundo, os mercados, os hoteis e as pensións, os parques e xardíns, os museos, as facultades, as bibliotecas, os barrios, as igrexas, as fontes, as rúas e as prazas, as parroquias rurais e os arredores desta cidade milenaria onde todo o mundo se sinte coma se estivera na súa propia casa...

Os daquí temos todo tan visto que moitas veces non somos quen nin de alviscar o marabilloso que é o que temos ao redor. Han de ser os outros, os de fóra, os viaxeiros e os peregrinos, que dende a noite dos tempos veñen a Compostela na procura do seu particular principio do mundo (eles mesmos), os que nos falen do extraordinario que é o lugar onde vivimos e nos convenzan do enorme potencial que posúe esta cidade nun mercado turístico cada vez máis competitivo e globalizado. Diso e de moitas outras cousas imos falar nesta taberna virtual a través dun caderno de bitácora escrito sobre servilletas de papel, ao final dos Camiños de Santiago, no único lugar do mundo onde as casualidades se converten en miragres sen que ninguén saiba nin como nin por que...