Máis aló do efecto positivo que este evento tivo en termos de negocio para todo o sector, os empresarios e profesionais dos hoteis de Santiago agradecen o esforzo dos organizadores para traer este evento a Compostela e contribuir así á proxección internacional de Compostela e de Galicia. O Womex supuxo un incremento medio na ocupación hoteleira de entre o 20% e o 40%, entre o 21 e o 25 de outubro, dependendo da ubicación e da categoría dos establecementos de hospedaxe.
Para os empresarios do sector hoteleiro este evento demostra que hai que ser ambiciosos e que dende o consenso e sumando esforzos dos actores públicos e privados se poden facer grandes eventos en Santiago. Despois de catro días de intensa actividade, nos que Compostela se converteu nun fervedoiro cultural e musical, o WOMEX 14 chegou á súa fin converténdose na edición máis concorrida do últimos cinco anos.
É tempo de facer balance. Foi un éxito total de organización e un acerto para a política de promoción da cidade e de Galicia, a pesar dalgúns pequenos problemas de coordinación, que nos deben facer pensar na necesidade de mellorar a comunicación entre os actores públicos e privados para vindeiros eventos. Piranha, a empresa matriz de WOMEX, fixo públicos os datos oficiais desta edición, que demostra con cifras o seu éxito: 2.400 delegados/as (+6,66% que a anterior edición) e 1.470 empresas (+16,66%) de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e unhamarca de 280 casetas (+12%). Pero máis aló das cifras está o alto grao de satisfacción de todos os participantes neste evento.
O WOMEX 14 foi o máis importante evento cultural celebrado en Galicia dos últimos anos e temos que valorado como unha gran oportunidade para a música galega e as industrias culturais e tamén para a proxección internacional da nosa cultura e o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.Ademáis a acollida e o alto nivel de profesionalidade do sector turístico fixeron que o nivel de satisfacción dos participantes neste evento fose tan elevado que mesmo os responsables destafeira de músicas do mundo quixeron agradecer á cidade en xeral a extraordinaria acollida que lles brindou.
Tivemos ocasión de intercambiar impresións con organizadores, produtores, programadores e músicos e a conclusión a mesa: Santiago é hospitalidade. Os empresarios e profesionais dos hoteis tamén queren felicitar a Nordesía Produccións, organizadora local doevento, á Consellería de Cultura e ao Concello de Santiago, pois aínda que houbo moitas dificultades para sacar adiante este evento, ao final o resultado foi extraordinariamente positivo e veu a desmostrar que podemos e debemos ser ambiciosos e crer nas posibilidades de Compostela e de Galicia, para acoller grandes eventos como o Womex 2014, que mesmo foi quen de poñer en valor a verdadeira esencia da Cidade da Cultura.
Non é casual que o WOMEX 14 celebrado en Compostela, fose a edición con máis asistencia de delegados do últimos cinco anos (creceu un 6,6% con respecto ao ano anterior), cumpríndose así os obxectivos estratéxicos que se marcaron desde a organización. Santiago é unha marca coñecida e recoñecida no mundo. Confirmouse o WOMEX como unha ferramenta de transformación, tanto para a cidade como para o sector musical galego, e a forza de Compostela como un escenario e punto de encontro internacional e a posibilidade de transformar o enorme custo da Cidade da Cultura nunha grande oportunidade para o país.
O único aspecto negativo que volveu a quedar en evidencia trala extraordinaria experiencia do Womex 14 foi a dificultade para facer chegar a Galicia aos participantes, que con orixe en países de todo o mundo, tiveron grandes problemas para conectar con Compostela pola ausencia dun sistema aeroportuario que favoreza a chegada de turismo estranxeiro e que centralice en Lavacolla as conexións internacionais. En calquera, caso, o fundamental é felicitar aos organizadores e poñer ao seu dispor unha das prantas hotelerias máis modernas e competitivas de España e Europa, para que Compostela e Galicia se consoliden na celebración deste tipo de eventos internacionais de máximo nivel.
Graciñas a todos os que fixeron posible o Womex 14 Santiago de Compostela. Sigamos a soñar e a traballar xuntos por unha cidade mellor.