xoves, 5 de febreiro de 2015

As moegas da Tafona e outono de Caney by Siro González en CompHosteleria

Comezamos esta sección, na que imos recoller todas as receitas dos petiscos que participaron na VII edición do Santiago é Tapas, coas dúas tapas gañadoras dos premios do xurado: as deliciosas moegas da Tafona, na foto de arriba, e Outono, do Caney by Siro González, na foto de abaixo. 



TAFONA
TAPA 2 .- Moegas, cogomelos e Touza Vella

INGREDIENTES:
Moegas
Mestura de cogomelos
Queixo Touza Vella (cabra galego)
Vinagre
Viño branco
Demi glace
Tomiño da horta
Ceboliño da horta
Pirixel da horta
Nata


ELABORACIÓN: Desangrar as moegas 12 horas en auga con xeo e un chorriño de vinagre. Branquear en auga a ferver por espazo de 10 minutos. Arrefriar e desprender as teíñas e impurezas. Dourar as moegas cunha noz de manteiga, engadir os cogomelos e as aromáticas. Desglasar cun chorriño de vinagre e viño. Reducir. Incorporar o xugo de carne e cocer o conxunto uns minutos. Triturar o queixo Touza Vella (cabra galego) con nata para dispor debaixo do prato. Picar trianguliños para presentar no medio das migas. Rematar o prato con brotes tenros da horta.


CANEY BY SIRO GONZÁLEZ
TAPA 2.- Outono

INGREDIENTES:
Terra de campo
Azucre Mascabado
Chocolate
Foie
Trompetas da morte
Pistachos
Queixo de cabra
Aceite de trufa
Humidade
Castañas

ELABORACIÓN:
Mesturar a terra de campo, o chocolate e facer a falsa terra. Engadir o resto de ingredientes.
 

mércores, 4 de febreiro de 2015

Lembrando as mellores tapas de Compostela MENUDODÍA I




A Tafona, Manso, O Afiador, A Moa, A Grella, Venecia, Artesana, Caney by Siro González, A Bodeguilla de San Roque e Susos foron os galardoados no certame de petiscos da hostalería santiaguesa. 

Aínda co bo sabor de boca dalgunhas destas obras de arte en miniatura imos abrir un receitario exclusivo para todos os seguidores deste blog, onde imos recoller as receitas e as fotos de TODOS os petiscos que entraron na fase de concurso desta última edición do Santiago é Tapas. 

Comezamos esta sección do MENUDODÍA cos premiados.  

O Premio do xurado á Mellor Tapa 2014 foi para A Tafona, con Moengas, cogomelos e Touza Vella. 

O primeiro premio á Tapa Creativa 2014 foi para Manso, con Sopa Express.

E o segundo premio Tapa Creativa para Caney by Siro González, por Outono.
 
O primeiro premio á Tapa Tradicional 2014 foi para O Afiador, por Vaca3. 

E o segundo para a A Bodeguilla de San Lázaro por Quiche de Lacón con Grelos e quixo de Arzúa.
 
O Premio Tapa Estrella Galicia é A Moa, por Perrito quente


O Primeiro Premio Tapa do Público ´14 foi para A Grella, co seu petisco Brotes Verdes.


O Premio (é)XCELENTE 2014 recaeu en Venecia.


O Premio á Tapa con máis Chispa é para Artesana con Unha cunca de viño.

E mañá comezamos o noso receitario, que nos irá levando polo mellor da gastronomía en miniatura de Santiago. Iremos adicando un post a cada local nesta sección MENUDODÍA.



luns, 2 de febreiro de 2015

Pedro Bertoa, in memoriam


Recentemento falecido, recuperamos unha entrevista que lle fixemos a Pedro Betoa e á súa dona Generosa Mariño, con motivo da homenaxe dos socios da Asociación Hostalería Compostela aos propietarios do Hospedaxe Costa Azul. Xa non nos voltaremos cruzar con este pescador polo Sarela nin paseando ao sol polo parque das Galeras.



Pedro Bertoa e Generosa Mariño. Propietarios do Costa Azul.

Un flamenco galego en Montevideo 

Pedro Bertoa (Carballo, 1933) e Generosa Mariño (Carballo, 1942) viviron, a través da súa casa de hóspedes, a transformación do barrio das Galeras e de Vista Alegre durante os últimos corenta anos. Coñecéronse por medio dunha irmá de Generosa, en 1964, e catro anos máis tarde xa casaron. En 1977 mudáronse a Santiago, ao edificio que Bertoa acababa de facer nun solar da súa propiedade, onde comezaron cun establecemento de hospedaxe que chegou a ter máis de cincuenta camas e que hoxe non pasa das trinta. Este matrimonio asegura que hoxe a oferta ilegal de aloxamento está a facer imposible o negocio e demandan a intervención urxente das administracións.

O hospital de Galeras dáballe daquela moita vida a este barrio compostelán e tamén ao seu negocio de hospedaxe, que ademáis de familiares de persoas convalecentes e obreiros que traballaban pola zona, tamén acollía a moitos comerciais e viaxantes. Tamén tiveron a súa importancia os estudantes, durante o curso, aínda que no verán entraban os peregrinos e algúns turistas. E a cousa foi indo tan ben que en 1990 decidiron abrir un restaurante no baixo do seu edificio, onde Bertoa gardaba antes os cans da caza. Pedro estivo á fronte do negocio de restauración até que tivo que ser operado da gorxa. O Mercadito ocuparía despois este amplo local da rúa das Galeras.  

Mais a relación coa hostalería deste gran afeccionado á caza e á pesca, xa comeza moito antes. Con 17 anos deixa Galicia e viaxa a Uruguay, onde tiña familia emigrada. En Montevideo desenvolve a súa actividade, entre 1950 e 1964, traballando primeiro nunha empresa de que se adicaba a importación e exportación de muíños e de produtos e maquinaria agrícola, e despois levando un café e unha cervexería con terraza no "céntrico boulevard Artigas" da capital do Uruguay. Daquela Pedro Bertoa compaxinaba este traballo cunha das súas afeccións menos coñecidas, o cante flamenco.

Velaquí un dos segredos mellor gardados deste home falangueiro, quen a pesares da traqueotomía que lle fixeron hai uns anos, é quen de se comunicar aínda con extraordinaria eficacia. Do seu fardel da memoria extrae Bertoa, durante a conversa que mantemos na súa casa, un anaco dun vello xornal onde podemos ler unha información que dá boa conta do saber facer deste flamenco galego durante unha extraordinaria actuación no teatro Odeón de Montevideo, en 1964, pouco antes de voltar a España para adicarse ao que foi o seu oficio até a súa recente xubilación, a hostalería.